Os seres vivos están formados principalmente por C
carbono, H hidróxeno, O osíxeno e N nitróxeno, e, en
menor medida, conteñen tamén S xofre e P fósforo xunto con algúns
halóxenos e metais. De aí que os compostos de carbono se coñezan co nome de compostos
orgánicos (ou dos seres vivos). Pero,
coidado, tamén hai moitos outros compostos de carbono que non forman parte dos
seres vivos.
A
parte da Química que estudia os compostos do carbono é a Química
Orgánica ou
Química do Carbono, pois este elemento é común a tódolos compostos orgánicos.
En 1828 a síntese da urea, realizada
polo químico alemán Wöhler, a partir da evaporación dunha disolución de cianato
de amonio, que é un sal inorgánica, cambia radicalmente o mundo da química. A
química orgánica xa non está ligada á intervención dos organismos vivos, pódense
sintetizar compostos orgánicos a partir de sustancias inorgánicas. Esta é a
razón de que hoxe se prefira falar de química do carbono, para referirse
á química orgánica, aínda que se conserva por razóns históricas tamén esta
denominación.
A
Química Orgánica é a Química do Carbono. Por compostos orgánicos
entendemos os compostos do carbono, agás os óxidos CO e CO2 e os
carbonatos que se estudian como compostos inorgánicos dende sempre. A Química
Orgánica non é só a química dos compostos dos seres vivos, son tamén os
compostos derivados do petróleo, do carbón, e os preparados sinteticamente no
laboratorio.
O número de compostos orgánicos coñecidos (varios millóns na
actualidade) é moi superior ó de compostos inorgánicos, a pesares de ser tan
poucos os elementos que entran na súa composición. A razón deste feito hai
que buscala na capacidade que presenta o carbono para combinarse facilmente
consigo mesmo e cos outros elementos mediante enlaces covalentes.
A
configuración electrónica do carbono é:
[C]=1s2
2s2 2px1 2py1 2pz0
Dada
a pouca diferencia de enerxía entre os orbitais 2s e os 2p é fácil
promocionar un electrón 2s a un orbital 2p, obténdose a configuración:
[C]=1s2
2s1 2px1 2py1 2pz1
que
permite a formación de catro enlaces covalentes por compartición de electróns,
xa sexa consigo mesmo ou con outros elementos, gáñase así con creces a enerxía
antes invertida en promocionar o electrón a un orbital superior.
As principais fontes naturais de carbono son o petróleo, o gas
natural e o carbón.
O
grande número de compostos orgánicos e a tremenda variedade dos seus tamaños
e estructuras fai necesaria unha mínima sistematización na súa nomenclatura.
A IUPAC (Unión Internacional de Química Pura e Aplicada) deseñou unhas normas
que se basean fundamentalmente na utilización de prefixos que indican o número
de átomos de carbono das cadeas carbonadas e sufixos para informar sobre a
presencia dos diversos grupos funcionais, que se converten en prefixos específicos
cando non actúan como grupo principal nos compostos polifuncionais.
Veremos máis de vagar as normas básicas de formulación das funcións orgánicas
máis representativas.
|