|
|
QUE É A ESTEREOSCOPÍA? |
A estereoscopía é calquera técnica que nos permita ver con sensación
real de profundidade. Podemos ver imaxes estereoscópicas debido á
estereopse, que é a capacidade que ten o cerebro humano de percibir como
unha imaxe tridimensional única dúas imaxes lixeiramente diferentes
captadas cada unha por cada un dos ollos.
Os nosos ollos non reciben a mesma imaxe dun mesmo obxecto, cada un
recibe a imaxe do obxecto con un certo ángulo. É o que se chama disparidade binocular. Euclides e Leonardo da Vinci estudaron este
fenómeno, así como tamén Kepler realizou estudos sobre a mesma.
Ter dous ollos separados certa distancia e mirando de fronte foi de
grande utilidade na nosa historia como especie, podiamos calcular mellor as
distancias, apuntar mellor as armas que usamos na caza,
ou ter unha mellor visión do espacio que nos rodeaba.
A miña afición á estereoscopía ven de lonxe. Cando descubrín que podía
construir fotos estereoscópicas cunha cámara normal a miña forma de ver
o mundo tamén cambiou. Elaborei unha
páxina
de fotos 3D que seguro coñecedes. Nela colgo moitas das fotos
que vou elaborando pra ver coa técnica da visión cruzada.
Foi unha sorpresa recente pra min descubrir que o guitarrista de Queen,
Brian May, tamén é un apaixoado da fotografía estereoscópica:
Brian May a parte de gran músico é físico, e tamén autor de varios libros
sobre fotografía estereoscópica.
|
HISTORIA |
Sir Charles Wheatstone (1802-1875) presentó en 1838 os seus estudios
sobre visión binocular no Royal College de Londres, utilizando un
estereoscopio de espellos inventado por el mesmo, que será recordado
como o primeiro estereoscopio da historia. Usaba dous debuxos
lixeiramente diferentes, xa que ainda non se coñecía a fotografía,
colocados de forma que con dous espellos un debuxo era percibido por un
ollo e o outro debuxo polo outro, conseguíndose deste xeito a visión
estereoscópica.
Déixovos tamén este interesante vídeo: The story of stereoscopy and the
Victorian fascination with 3D photographs:
Tamén deixo este enlace a un grato descubrimento recente, o museo
virtual de fotografía estereoscópica que podemos atopar en Zaragoza.
FOTICOS
Collection. Ten unha colección increible de estereoscopios e
cámaras 3D e unha atractiva web.
|
NON TODOS VEMOS EN 3D |
Podemos pensar entón que dispoñer de dous ollos garántenos sempre
unha visión estereoscópica, pero non sempre é así. Se temos algún
problema de visión nun ollo o cerebro pode utilizar máis a imaxe que
recibe polo outro ollo, de forma que perdemos a visión estereoscópica.
Cóntanolo a neurobióloga Susan Barry neste vídeo:
VER O MUNDO EN ESTÉREO
Interesante tamén este artigo de Oliver Sacks publicado no New Yorker o
11 de xuño de 2006
Estéreo Sue, Por que dous ollos son mellores que un. Por Oliver
Sacks
|
TIPOS DE IMAXES ESTEREOSCÓPICAS |
Para ver imaxes en tres dimensións debemos dispoñer de dúas imaxes
obtidas dende dous puntos de vista diferentes, unha tomada dende un
punto de vista máis á dereita e outra tomada dende un punto de vista
máis á esquerda, como as imaxes que reciben os nosos ollos. Se as vemos
superpostas o cerebro as interpreta como unha imaxe estereoscópica ou en
tres dimensións, podemos nelas distinguir perfectamente os diferentes
graos de profundidade. Para ver as imaxes superpostas hai varios
métodos:
- Usar gafas con cristais de distinta cor, o que precisa que as
dúas imaxes superpostas tamén sexan de distinta cor. Son os
coñecidos como anaglifos. Podes construir unha gafas para velos con
cor vermella á esquerda e cor cian á dereita.
- Usar gafas con filtros polarizadores, usadas en salas de cine en
tres dimensións, nas que se proxectan dúas películas a través de
outros dous filtros polarizadores.
- Dispor de dúas fotos pequenas nas que os puntos homólogos das
fotos teñan a mesma separación que os nosos ollos. A foto da
esquerda debe ser a que se realizou dende a esquerda, e a foto da
dereita a que se realizou dende a dereita. É o método da visión
directa. Se poñemos as fotos
diante dos ollos e as imos separando chegaremos a enfocar a imaxe en
3D. Temos que deixar a vista relaxada, como mirando ó infinito. É o
método de visión en paralelo. As mesmas imaxes anteriores tamén se
poden ver cun estereoscopio, que son dúas lentes converxentes que
nos axudan a enfocar as imaxes. Seguro que o estereoscopio che sona
de velo nas clases de Ciencias. Máis abaixo indico como construir
un. Este tamén é o método dos case desaparecidos visores
estereoscópicos que se podían atopar antes nas tendas de fotografía,
como o View Master.
- Outra forma é dispor das mesmas fotos anteriores pero colocando
á esquerda a que fixemos dende a dereita e á dereita a que fixemos
dende a esquerda. É o método da visión cruzada ou Cross
Eyed. Se as vemos cruzando a vista enfocaremos unha
imaxe en 3D. Ó principio é un pouco incómodo pero pronto se acostuma
a vista e nos permite ver imaxes en 3D sen precisar gafas e
disfrutando das cores reais das imaxes.
- Outro método de visualizar fotos cun efecto 3d é a través de
gifs animados construídos coas fotos que fixemos dende a dereita e
dende a esquerda, repetíndoas a intervalos curtos de tempo. Pódese
dicir que é a película máis curta que pode existir pois só ten dous
fotogramas, pero a sensación de tridimensionalidade é asombrosa.
|
COMO CREAR UNHA IMAXE ESTEREOSCÓPICA? |
Para crear unha imaxe estereoscópica primeiro temos que facer as
fotos. Fai anos, na época da fotografía analóxica, era relativamente
fácil atopar cámaras con dous obxectivos que facían fotos
estereoscópicas, os obxectivos estaban separados a distancia de
separación dos ollos. Hoxe en día, na era dixital, debería ser máis
fácil construir estas cámaras, pero a realidade é que é difícil dar con
elas, é fácil atopar cámaras de acción ou cámaras 360, pero non son
cámaras estereoscópicas. Eu conseguín facerme cunha cámara
estereoscópica, que saiu recentemente ao mercado, e anque moi sinxela a
estou disfrutando moito.
Pero que ocorre se non teño unha cámara 3D,
¿podo facer fotos estereoscópicas? Pois a resposta é que si. Podémolas
facer cunha cámara convencional, ou coa cámara do móbil. Pensa que o
importante é dispor de dúas imaxes desprazadas certa distancia, pois eso
o podemos facer cunha cámara calqueira, coa precaución de que sexan
motivos estáticos, xa que vai pasar un tempo dende que facemos unha foto
ata que facemos a seguinte.
Aquí tes un vídeo onde ensino como facer estes pares de fotos:
Unha vez que teñas as fotos feitas debes montalas nunha mesma foto,
pra formar o par estereoscópico. Cun programa de edición de imaxes como
GIMP non é nada difícil.
Xa dispoñemos das fotos estereoscópicas, tanto pra ver con visión
directa como pra ver con visión cruzada. As de visión cruzada as podemos
ver directamente cruzando a vista, e as de visión directa tamén, se as
colocamos diante dos ollos e as imos alonxando ata enfocar a imaxe, pero
é más fácil e cómodo velas cunhas gafas 3D ou cun estereoscopio.
Eu vexo ben estas fotos nun estereoscopio, pero dinme conta que moita
xente non, as fotos deben ter a mesma separación que as pupilas para que
sexan cómodas de ver no estereoscopio. Así que se non as ves ben proba a
reducilas de tamaño facendo un marco arredor delas como te indico no
seguinte vídeo:
|
COMO FACER UNHAS GAFAS 3D? |
Pra ver as fotos de visión directa, ou paralela, é moi
práctico construir unhas gafas 3D. Só necesitas dúas lupas e un cartón
pluma. Indico no vídeo como as podes construir paso a paso:
|
COMO FACER UN ESTEREOSCOPIO? |
Pra ver fotos estereoscópicas cómodamente, como facían
na época victoriana, podemos construir un estereoscopio do estilo do
estereoscopio de Holmes. É moi sinxelo de facer, só precisas dúas lupas,
unha caixa e unhas madeiras. Cóntocho no vídeo:
No seguinte vídeo tes todas as indicacións que precisas para
construir paso a paso un estereoscopio:
Cando teñas construido o estereoscopio podes experimentar as
seguintes utilidades do mesmo:
|
COMO USAR O MÓBIL PARA VER IMAXES 3D? |
Coas fotos 3D podes crear vídeos, que logo podes subir
a YouTube, ou calquer outra plataforma. Na rede tes moitos vídeos de
fotos estereoscópicas e películas estereoscópicas que podes disfrutar co
estereoscopio que fixemos, anque tamén as podes ver directamente do
móbil, como conto neste vídeo:
Espero que disfrutedes moito coa visión estereoscópica, que non é
outra cousa que aproveitar o tesouro de dispor de dous ollos para ver as
marabillas do mundo.
|
|
|
|