Facer xabón

Arriba Facer pan Facer xabón Estereoscopía Espectroscopio

FACER XABÓN

Facer xabón era unha práctica cotiá na maior parte dos fogares ata hai non moito tempo. O xabón facíase con graxa, ou sebo das matanzas, e con sosa cáustica e máis anteriormente coa cinza que se acumulaba na lareira. Xa que logo é unha reacción que se realizaba de forma tradicional polos nosos antergos para aproveitar as graxas e dispoñer dun produto de limpeza de primeira necesidade.

Aproveitando que estamos estudando o tema das reaccións químicas imos producir xabón como se facía hai anos polo método tradicional.

Esta reacción ademais vainos permitir reciclar os aceites usados das nosas casas de forma que conseguimos por unha banda protexer o medio ambiente e por outro aforrar en produtos de limpeza, pois xa veremos que este xabón será útil para moitos usos.

HISTORIA DO XABÓN

Probablemente nunca saberemos cal foi o principio do xabón. O que si sabemos é que témonos que remontar a tempos moi pretéritos para indagar a súa orixe.

Conta unha lenda que o xabón foi descuberto por casualidade polas mulleres de Roma que lavaban nas beiras do Tíber. Do próximo monte Sapo baixaba unha sustancia que en contacto co auga deixaba a roupa máis limpa e as mans máis suaves. No monte Sapo facíanse sacrificios de animais aos deuses, así que a graxa animal mesturábase coas cinzas das incineracións, e toda esta mestura descendía do monte debido ás choivas locais.

A reacción de formación do xabón denomínase saponificación, que provén da palabra latina sapo, que significa xabón, quen sabe se debido á lenda do monte Sapo. O que se sabe é que non hai ningún rexistro do tal monte Sapo na historia de Roma. Pero como todas as lendas non deixa de ser unha explicación curiosa a un feito que cicais se perde na máis remota antigüidade.

O que si é probable é que o xabón descubriuse por serendipia, ou casualidade, pode que nun lugar tan común como a lareira de pedra que había en calquera choza ou palloza dos primeiros asentamentos humáns. A graxa dos animais moi fácilmente podíase mesturar coas cinzas da lareira, e o contacto do auga facilitou a formación de escumas que se aproveitaron para lavar. Quen sabe, o caso é que chegou ata nós como un produto imprescindible para a hixiene e a limpeza.

De que temos datos?

En táboas sumerias de fai máis de 4000 anos, atopadas en Mesopotamia, relátase a mestura de aceites, con potasa, resinas e sal para usos medicinais.

Sábese tamén que fai máis de 3500 anos os exipcios aseábanse con aceites animais e vegetais mesturados con sustancias alcalinas para obter sustancias xabonosas.

Na antiga Palestina, Roma ou China xa se coñecía a técnica de produción de xabóns a partir de graxas animais ou vegetais e álcalis.

Na cidade fenicia de Alepo, fabricábase un xabón elaborado con aceite de oliva e aceite de baias de loureiro, que adquiriu gran fama. A súa elaboración chega aos nosos días, e probablemente chegou a Europa a través dos cruzados.

En Al Ándalus sábese que se fabricaba xabón dende o século X, usando como materia graxa o aceite de oliva. A partir do século XV a estes xabóns fabricados con aceite de oliva dánselles nomes como xabón de Castela ou xabón de Marsella.

No século XIX Louis Pasteur descobre a importancia da hixiene para evitar enfermidades. O hábito de lavarse as mans antes das operacións adquirírono os ciruxáns no recente século XIX, o que axudou a salvar moitas vidas, que se perdían non polas ciruxías en si senón pola falta de hixiene.

REACCIÓN DE SAPONIFICACIÓN

A reacción para obter xabón a partir das graxas chámase saponificación. É unha reacción pola que obtemos un produto case máxico, xa que é capaz de levarse ben tanto coas graxas como co auga.

Os aceites son triglicéridos de ácidos graxos, ao reaccionar coa sosa cáustica, ou hidróxido de sodio, obtéñense sales dos ácidos graxos, que son o xabón, e tamén se obtén glicerina ou glicerol.

Dabondo é coñecido que a auga lévase mal coa graxa. A auga non se mestura coas graxas. A auga é un composto polar, que interacciona ben cos compostos polares, por iso disolve ben os sales, por exemplo, pero non así as graxas e a maior parte de produtos orgánicos. As graxas e aceites son sustancias apolares que si se levan ben con outras sustancias apolares, por iso ás veces as manchas de graxas podémolas eliminar con disolventes como a gasolina antes de lavalas con xabón.

 A maxia do jabón é que ten na súa molécula unha parte apolar que se leva ben coas graxas, e unha parte polar que se leva ben co auga, desta forma conseguimos arrastrar as graxas cunha corrente de auga, usando de intermediario ao xabón.

REACTIVOS E APARATOS QUE NECESITAMOS

Para a realización de xabón necesitamos unha graxa. A graxa pode ser de orixe animal ou vexetal. Os restos das matanzas usábanse tradicionalmente para a fabricación dos xabóns. Co que se evitaban eses residuos e obtíñase un produto de primeira necesidade nos fogares.

Para xabóns de uso cosmético usaremos xabóns vexetais sen usar. Pero poderemos usar aceites usados en cociña para xabóns de lavar a roupa, a vaixela ou os chans. Hai quen os raia e usa nas lavadoras con bos resultados. Esta práctica axuda enormemente ao medio ambiente reciclando un produto moi contaminante das augas residuais.

Un xabón ideal é o de aceite oliva, xa presente nos ancestrais xabóns de Alepo, Castela ou Marsella. Poderemos engadir outros aceites que complementen as súas propiedades, ou que necesitemos reciclar.

O produto alcalino que imos utilizar é o hidróxido de sodio, ou sosa cáustica, NaOH, para xabóns sólidos. Se queremos xabóns líquidos usaremos hidróxido de potasio, KOH.

O hidróxido de sodio é fácil obtelo en supermercados. Pero hai que ter moita precaución con el debido á súa reactividade. Manipularémolo sempre con luvas, usando lentes de protección e con recipientes de cristal ou de plástico, evitando recipientes metálicos.

Outros aditivos dos xabóns son as esencias e colorantes, que tamén serán fáciles de obter en tendas e droguerías.

A auga pode ser da billa ou mineral, non é necesaria auga destilada, que sería máis difícil de conseguir.

Outros instrumentos que necesitaremos son, recipientes de cristal ou plástico, unha balanza de cociña, culler de madeira, moldes de silicona e unha batedora.

TÁBOA DE ÍNDICES DE SAPONIFICACIÓN

Para fabricar xabón debemos medir as cantidades de sosa cáustica, ou NaOH, e de auga que necesitamos con moita precisión, xa que se non poderiamos ter un exceso de sosa no xabón que o faría moi alcalino, e inadecuado, e ata perigoso, para a pel. Cada tipo de graxa ou aceite que usemos para facer xabón necesita unha cantidade de sosa, que vén dada polo índice de saponificación, SAP.

O índice de saponificación, SAP, defínese como o número de miligramos de hidróxido de potasio, KOH, requiridos para saponificar 1 g de graxa baixo condicións específicas. En función da media das masas moleculares dos ácidos graxos, que formen a graxa, necesitarase máis ou menos KOH. O hidróxido de potasio, tamén nos vale para facer xabóns, pero neste caso serán líquidos, se queremos xabóns sólidos usaremos hidróxido de sodio, NaOH, pero neste caso o índice de saponificación cambia, debémolo dividir por 1,4025.

Grasa Sap KOH Sap NaOH
Manteiga de aguacate 0,193 0,138
Aceite de améndoas 0,191 0,136
Aceite de argán 0,192 0,137
Aceite de baias de loureiro 0,213 0,152
Manteiga de cacao 0,194 0,138
Aceite de caléndula 0,191 0,136
Aceite de camelia  0,192 0,137
Manteiga de porco 0,196 0,140
Aceite de coco 0,248 0,177
Aceite de colza  0,190 0,135
Aceite de xirasol  0,191 0,136
Aceite de jojoba 0,129 0,092
Manteiga de karité 0,190 0,135
Aceite de linaza 0,192 0,137
Aceite de millo 0,201 0,143
Aceite de noz  0,192 0,137
Aceite de oliva 0,192 0,137
Aceite de palma 0,198 0,141
Graxa de pato  0,195 0,139
Aceite de pebida de uva 0,192 0,137
Sebo de vaca  0,198 0,141
Aceite de soia  0,192 0,137

Os xabóns deben de ter un exceso de graxa, o que se chama o sobreengraxado, é dicir, deben ter máis graxa que a que se necesitaría para reaccionar completamente coa sosa, así conseguimos que toda a sosa reaccione e que o xabón sexa máis suave para a pel. O sobreengraxado debe oscilar entre un 5 e un 10% da graxa total.

Tamén debemos medir a cantidade de auga na que disolver a sosa. A disolución de sosa debe ter unha concentración axeitada, nin moi grande nin moi pequena, se engadimos moita auga tardará máis en secar o xabón, e se é moi pouca se disolverá peor a sosa. Un valor adecuado oscila entre un 25 e un 35% de concentración. Unha concentración do 25% siñifica que por cada 25 g de sosa necesitamos 75 g de auga.

CALCULADORA DE SAPONIFICACIÓN

Para obter estas cantidades son moi útiles as calculadoras de saponificación. Proporciónovos a seguinte para facer xabóns con ata tres aceites fáciles de conseguir:

Introduce as cantidades dos aceites en gramos, se non usas algún introduce un cero:

CALCULADORA DE SAPONIFICACIÓN

 

Gramos de aceite de oliva (g)   

Gramos de aceite de coco (g)   

Gramos de aceite de xirasol (g)  

Porcentaxe de sobreengraxado (entre 5 e 10) (%)  

Concentración (entre 20 e 40) (%)  


Para xabón sólido, con NaOH

Para xabón líquido, con KOH

 

Cantidade de NaOH = (g)

Cantidade de auga = (g)
 

 

Cantidade de KOH = (g)

Cantidade de auga = (g)
 

© Carlos Alonso

Na calculadora onde di aceite de oliva podes usar aceite virxe extra, ideal para un xabón cosmético, ou aceite de oliva usado, ideal para outros usos. O aceite de coco é máis caro, non é imprescindible, pero aumenta a cantidade de escuma do xabón, se é para uso cosmético. Abonda con que uses unha quinta parte da cantidade dos outros aceites.

 

PROCESO DE REALIZACIÓN DO XABÓN

Neste vídeo podes ver o proceso seguido para a produción do xabón. É importante ter precaución coa disolución da sosa. Usa luvas e lentes, e se es menor de idade acompáñate dun adulto mentres fas o xabón.

Pasos a seguir:

  1. Coloca na mesa de traballo todo o material que necesitas, reactivos e aparellos. Non te esquezas de luvas e lentes protectoras.

  2. Usa a calculadora de saponificación para calcular a sosa e a auga que necesitas para a cantidade de aceites que vas utilizar. Anota estas cantidades nun papel.

  3. Usa a balanza para pesar todos os reactivos. Empezamos pola sosa, ou NaOH. Utiliza un recipiente de cristal ou de plástico, achega o bote de sosa á balanza para non derramar o produto polo camiño.

  4. Pesa logo a cantidade de auga nun recipiente de cristal ou de plástico.

  5. Disolve a sosa en auga. Sempre engadindo a sosa sobre a auga, xa que a reacción é moi exotérmica, desprende enerxía, e se o facemos ao revés pode ferver a auga e producirse salpicaduras. Lembra, a sosa sobre a auga. E non te esquezas das luvas e as lentes de protección. Axita a mestura ata a disolución completa da sosa, podes usar unha culler de madeira ou de plástico. Deixamos repousar e arrefriar a disolución.

  6. Pesamos os aceites noutro recipiente de cristal ou plástico suficientemente grande para que nos caiban todos os ingredientes. Se usas aceite de coco, débelo quentar ao baño maría para que funda, xa que a baixas temperaturas pode estar solidificado como unha manteiga.

  7. Unha vez mesturados os aceites engadímoslle a disolución de sosa.

  8. Usamos unha batedora para mesturar todos os ingredientes. Moi importante non sacar a batedora da mestura funcionando, para non salpicar, lembra que a sosa aínda non reaccionou e poderíanos producir queimaduras. Lembra, luvas e lentes, e se salpica algo lava con abundante auga.

  9. Seguimos batendo ata conseguir o punto de traza, que se alcanza cando a mestura ten unha textura de crema, como un puré, pero non deixes que se solidifique moito se non custaría máis enmoldar. Neste momento podemos agregar os aromas e colorantes.

  10. Enmoldamos con axuda de moldes de silicona. A mestura seguirá reaccionando as seguintes horas. Fíxate na cor que ten.

  11. Ás 24 ou 48 horas podes desmoldar os xabóns e colócalos sobre un cartón para que sequen e curen durante un mes. Si, xa sei que é moito tempo, pero é necesario para que a sosa consúmase totalmente e o xabón adquira a dureza adecuada. Despois deste tempo de cura xa podemos usar os nosos xabóns.

Fotos de Eduardo García Parada.

WEBS INTERESANTES

Podedes atopar na rede un número inmenso de webs sobre xabóns:

MENDRULANDIA é unha web moi interesante polas explicacións claras e concisas que dá, así como pola fantastica calculadora de saponificación que contén, onde poderedes descubrir as características dos xabóns que ides realizar.

ELABORACIÓN TRADICIONAL DO XABÓN PARA A COLADA

 

Arriba Facer pan Facer xabón Estereoscopía Espectroscopio
WWW.ALONSOFORMULA.COM
Formulación Inorgánica  Formulación Orgánica 
Formulación Inorgánica  Formulación Orgánica 
Formulació Inorgánica  Formulació Orgánica 
Ezorganikoaren Formulazioa  Nomenclature of Inorganic Q. 
Física y Química de ESO  Física e Química de ESO 
FQ de 1º de Bachillerato  FQ de 1º de Bacharelato 
Química de 2º de Bachillerato  Prácticas de Química